Thursday 16 de May de 2024

182 centros educativos coruñeses participan este curso nas actividades do Plan Proxecta


Nestas iniciativas estarán implicados máis de 52000 alumnos e preto de 2500 profesores
A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de resolver a convocatoria do Plan Proxecta para o actual curso 2019/20, no que participarán un total de 182 centros de ensino da provincia da Coruña. Ao seu abeiro, 52.413 alumnos xunto con 2489 profesores desenvolverán 305 proxectos diferentes nalgún dos 44 programas que compoñen esta iniciativa.

Na provincia da Coruña, os programas nos que participan un maior número de centros son PDC (proxecto deportivo de centro. Centros activos e saudables), con 97 centros; Aliméntate ben, con 30, Proxecto Terra, con 16 e Correspondentes xuvenís, con 15. Proxecto Ríos e Donas de si contan con 13 centros participantes. Séguenlle os programas Quérote+, con 12 centros e Meteoescolas, con 11 . Pode obterse información sobre os 44 programas no portal educativo, na ligazón http://www.edu.xunta.gal/portal/planproxecta.

No conxunto de Galicia participarán no Proxecta 579 centros de ensino (un 6,83% máis que o ano pasado), nos que preto de 148.000 alumnos (un 7,46 máis ca no curso anterior) e máis de 8.200 docentes desenvolverán un total de 1.070 proxectos. No curso 2018/19 participaron no Plan Proxecta 542 centros de ensino, preto de 138.000 alumnos e máis de 8000 profesores.

A relación de centros que desenvolven cada programa pode consultarse no portal web da Consellería, no enderezo electrónico http://www.edu.xunta.gal/portal/node/29690.

Programas ofertados
O Plan Proxecta é unha iniciativa da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional en colaboración con diferentes organismos, dirixida a fomentar a innovación educativa nos centros a través de programas que desenvolvan as competencias clave como eixe do currículo e os elementos transversais, nos cales se inclúe a educación en valores.

Neste curso ofertáronse un total de 44 programas diferentes, relacionados cos ámbitos da saúde, a alimentación, a actividade física, a ciencia e a tecnoloxía, a lingua, o patrimonio, a solidariedade, o medio ambiente, o desenvolvemento sustentable, a igualdade, o consumo responsable, o voluntariado, a interculturalidade, a convivencia, a educación emocional, a creación audiovisual, a normalización lingüística, os dereitos da infancia ou a mobilidade, entre outros.

Dos 44 programas incluídos na convocatoria deste ano, 40 xa estaban en funcionamento o curso pasado e catro entraron a formar forma parte no Plan Proxecta este curso 2019/20: “De Ítaca a Ávalon”, unha nova iniciativa no ámbito da coeducación, “Escola verde” que persegue o fomento de actitudes responsables co medio ambiente na comunidade escolar, “Pasaporte solidario” relacionado coa promoción do voluntariado e “Cidadanía dixital” que pretende contribuír á educación mediática e dixital da comunidade educativa

O feito de acoller a devandita variedade de programas baixo o Plan Proxecta establece un marco xeral de colaboración para traballar neste eido dun xeito estruturado, de tal forma que se contribúe a fixar uns criterios metodolóxicos e organizativos comúns, a establecer pautas compartidas en relación ao recoñecemento do traballos do profesorado nestes proxectos e a ofrecerlles aos centros e aos docentes a posibilidade de incluír dentro da súa planificación anual e programacións a participación neste tipo de iniciativas.

O obxectivo último deste plan é avanzar nas dinámicas de mellora da calidade educativa e favorecer a innovación nos propios centros a través de programas externos que leven á motivación e ao traballo activo, cooperativo e en rede, do alumnado e do profesorado implicado. Para iso, un dos principais obxectivos destes plan é promover a realización de proxectos interdisciplinarios que poidan servir de modelo de traballo ou de boa práctica, tanto para o propio centro en que se orixina como para o resto da comunidade educativa galega.